mes de agosto de 2014 | Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Vigo)
O espazo audiovisual é un novo espazo escénico fronte ao escenario no teatro ou noutros espazos de mostra, através do video, podemos crear pezas e materiais escénicos nun formato se cadra máis portábel e apto para diferentes soportes; incluso interactivo.
O espazo escénico audiovisual permite combinar planos, achegar o lonxano, vincular movementos a sensacións mediante clips previos, ou estimular a capacidade imaxinaria do actor con imaxes ou recursos varios. Podemos tamén misturar diferentes planos, e pasar con máis fidelidade pola cercanía do corpo, ou os seus pequenos movementos: unha man movéndose, a cabeza, unha mirada. A nivel de danza traballamos sobre todo técnica básica de danza contemporánea. Así: a posición distribuida nun espazo sen centro; fronte a posición central no teatro clásico-representativo, todo espazo, por periférico que sexa é un centro en si mesmo, e as accións acontecen simultaneamente alí onde xordan. A relación co chan e a percepción da gravidade: fronte á danza clásica, máis aérea e vertical, os movementos en danza contemporánea teñen relación co chan, o horizontal, a percepción do propio peso, os equilibrios precarios ou os desequilibrios como modo de xerar novos movementos e posicións. |
WORKSHOP videodanza from man_hauser ii on Vimeo. A vantaxe de tratar a creación audiovisual e as técnicas básicas de danza contemporánea a un mesmo tempo, é que se complementan e retroalimentan unha a outra constantemente. Ao sacar o centro escénico da representación de cara a un espazo de perspectivas, capas, sensacións, que importan máis que a técnica de ballet na escena clásica, o espazo audiovisual aporta moito a unha recomprensión do movemento paradoxicamente “sen marco” posíbel; ou fóra de todo marco: no fóra de plano.
Traballaremos secuencias de visualización de espazos, coas súas sensacións correspondentes: como nos moveriamos nun espazo estraño, alleo ao meu espazo actual como pode ser a neve? un bosque? o mar? As propias alumnas crearán as súas coreografías apartir de movementos simples, cotiás moitas veces, que enlazamos e perfeccionamos de cara a ser movemento coreografiábel. Estes movementos os empregamos posteriormente como material audiovisual, desde diferentes planos, interaccionando con outros actores en directo e polo tanto misturando por capas tamén os tempos: pasado, presente, igual que interior, exterior. O resultado serán uns clips de video nos que as alumnas pasaron por todas as fases de produción: fixeron movemento, colleron a cámara para gravar e ser gravadas, empregaron incluso o ordenador como realizadores de escena, e observáronse uns aos outros dende diferentes puntos de vista nun xogo de espellos sen fin. |